31 de marzo de 2010 O ministro de Fomento presenta o proxecto desta infraestrutura en cuxa construción se destinarán máis de 8 millóns de euros.
Con esta base optimizaranse os tempos de resposta ante posibles incidentes de contaminación marítima.
O Ministerio de Fomento investiu preto de 8 millóns de euros para a posta en marcha desta infraestrutura que, xunto á de Sevilla, será a de maior superficie e capacidade de almacenamento e xestión de equipos de todas as bases de España para facer fronte ás incidencias que se produzan nas costas.
O acto de presentación tivo lugar na casa consistorial de Fene, onde se han explicados os detalles do proxecto e fíxose entrega ao concello de Fene dunha maqueta da base. Ademais, o ministro visitou os terreos nos que se vai a situar a Base no polígono de Vilar do Colo.
O Alcalde de Fene afirmaba que "a colaboración leal do Goberno de España cos veciños e veciñas de Fene dá un día máis os seus froitos. Hoxe é un día no que, da man sempre tendida do Ministro de Fomento, poñemos a primeira pedra dunha nova iniciativa de desenvolvemento e de futuro para Fene, porque iso, progreso e futuro é o que nos reportan as boas infraestruturas, como as que hoxe presentamos".
"Instalar a Base de Salvamento Marítimo nesta zona supón para nós darlle o pulo definitivo ao polígono industrial. Ademais do extraordinario investimento inicial, un dos maiores investimentos públicos que se teñan feito en Fene, suporá poñer en marcha novas oportunidades de desenvolvemento para a pequena e mediana empresa local ou o asentamento de novos negocios que florezan ao calor do traballo ininterrompido durante 24 horas desta Base de Salvamento. E suporá tamén situar unha vez máis a Fene no mapa das infraestruturas estratéxicas do Estado, ao sermos a sede dunha das seis bases deste tipo que haberá en toda España. Supón en definitiva, como dicía ao principio, poñer unha peza máis no desenvolvemento, na diversificación económica e no futuro do Concello de Fene".
A base de Vilar do Colo conta coa última tecnoloxía e integrarase na rede de bases estratéxicas de Salvamento e Loita contra a Contaminación Mariña, situadas en diferentes puntos estratéxicos da xeografía española. Actualmente, a base estratéxica provisional de Salvamento Marítimo en Galicia atópase nas instalacións de Navantia en Fene.A función principal desta base será o mantemento, reparación e xestión do material de loita contra a contaminación, así como a infraestrutura loxística e de provisión de persoal técnico e mergulladores para as emerxencias marítimas que o requiran.
Características da Base de Vilar do Colo:
A superficie da parcela é de 19.702 m², sobre os cales a superficie construída ocupará 6.248 m² e estará distribuída en catro zonas:
- Nave pechada: albergará na súa interior a área de recepción de materiais contaminados, a área de limpeza, unha zona de reparación de barreiras anticontaminación, o taller e o almacén.
- Nave aberta: con espazo para piscina de recepción do material contaminado e a súa posterior limpeza.
- Edificio auxiliar ou de oficinas.
- Área de crise: zona que permite a ampliación inmediata das zonas de traballo e aloxamento para técnicos en caso de gran nivel de traballo ocasionado por unha emerxencia de gran envergadura.
Na nova base de Fene disporanse instalacións para o mantemento, lavado e reparación de equipos para a loita contra a contaminación como barreiras de contaminación, equipos de recuperación de hidrocarburos da superficie do mar (skimmers), tanques de almacenamento portátiles, equipos de mergullo e de operacións especiais. Do mesmo xeito, disporá tamén dos equipos técnicos especializados para emerxencias e dos elementos de transporte para o posicionamento do material no lugar da emerxencia.
Nesta base tamén se almacenará e manterá o ROV Comanche (Vehículo submarino de control remoto) do que dispón Salvamento Marítimo para operacións subacuáticas a gran profundidade.
Fonte: Ministerio de Fomento.
Aviso legal | Accesibilidade | RSS
Concello de Fene. Avda do Concello s/n. Teléfono 981 492 707
© Fene Cidadán 2006